Sunday 28 de April de 2024

Alumnado do CEP Pilar Maestú Sierra visita a exposición itinerante da Casa de Rosalía que recala na Pobra


Como antesala á visita á casa da Matanza en datas próximas, alumnado do CEP Pilar Maestú Sierra desprazouse nesta xornada ata a exposición itinerante A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía, comisariada por Pepe Barro, que permanecerá na praza do Emigrante da Pobra do Caramiñal ata o día 5 de abril. En concreto, achegouse un total de 27 estudantes de 5.° e 6.° da primaria do referido centro educativo, quen seguiron a explicación que lles fixo a normalizadora lingüística do Concello, Paula Alexandre.

Trátase dunha actividade organizada pola Concellaría da Normalización Lingüística, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG), mediante a cal se lles achega ás crianzas a historia da Casa Museo e a vida de Rosalía de Castro nesta edificación.

A mostra atópase estruturada en seis capítulos: A Casa e o tren; Rosalía na Casa; Unha Casa para Ela; A causa da Casa; O Padroado da Casa e Toda Galicia con Ela. No último dos capítulos afóndase na participación de numerosas persoas e entidades para converter en todo un símbolo o lugar onde Rosalía pasou os últimos anos da súa vida; entre elas, A Pobra do Caramiñal, que, en 1975, fixo unha achega económica de 5 000 pesetas.